miércoles, 28 de noviembre de 2012

AKÍ INAUGURA O SEU PRIMEIRO CENTRO EN PONTEVEDRA


O investimento supera os 4 millóns de euros e xera 44 postos de traballo



A empresa AKÍ, especializada en bricolaxe, xardinería e decoración, pertencente ao Grupo Adeo e recoñecida pola súa proximidade, o seu equipo de profesionais e o accesible dos seus prezos, remata o ano coa apertura do seu centro de Mos, cumprindo así co Plan de Expansión 2012 da compañía.




Cun investimento que alcanza os 4.200.000 euros, o novo establecemento, situado en Ameirolongo (estrada nacional 550, quilómetro 115,50), Concello de Mos, conta cunha superficie de vendas de 2.940 m², así como con 128 prazas de estacionamento gratuítas para lles facilitar o acceso aos clientes.

Tras o estudo dos 7.994 currículos recibidos, AKÍ proporcionoulles emprego, entre postos directos e indirectos, a 44 traballadores, dos cales 29 compoñen o equipo fixo da tenda. Deles, o 86% asinou un contrato indefinido.

A inauguración do centro celebrouse esta mañá, nun acto ao que asistiu a alcaldesa do concello de Mos, Nidia Arévalo acompañada do equipo de goberno local, o xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, a deputada provincial Marta Iglesias, o Director Xeral de AKÍ España, Frédéric Capdeville, o Director Rexional da zona, Javier Martínez, e mais o Director de AKÍ Mos, Iban Rama.

Durante a súa intervención, a rexedora local asegurou que “hoxe é un día grande para Mos” polo que supón a apertura dunha superficie comercial desta envergadura en tempos de crise, xa que implica a creación de postos de traballo para moitos mosenses, que o municipio se convirta en punto de referencia e compra común no sector do bricolaxe para veciños e veciñas de tódolos Concellos da comarca, ou incluso da provincia e de todo o sur de Galicia, etc. Arévalo desexoulle a esta nova tenda que hoxe nace en Mos, que sexa unha gran activadora do comercio e da economía no municipio, e que logre converterse nun “referente a nivel nacional por ser a que, mes a mes, acade o maior índice de vendas de todo o país”.

Os clientes e público en xeral poderán acceder a AKÍ Mos a partir de mañán, que é cando a tenda abre as súas portas de xeito oficial.

AKÍ aposta pola integración
O establecemento de Mos, número 36 da compañía, primeiro na provincia de Pontevedra e cuarto na comunidade galega, conta entre o seu equipo de profesionais cun traballador con minusvalía, por cuia integración no mundo laboral aposta a empresa.

As instalacións —coma as do resto dos establecementos da compañía— están adaptadas para facilitar o acceso e a compra dos clientes con discapacidade.

Os 15.000 artigos que ofrece AKÍ Mos repártense en 13 departamentos, coñecidos como “Mundos AKÍ”. Estas áreas contan cun estudado deseño que ofrece maior sensación de espazo e amplitude para adquirir os produtos coa máxima rapidez e comodidade.

Ademais, o centro conta coa opción de venda especial por catálogo dixital. Asesorado por un profesional do establecemento por medio dun dispositivo instalado na sala comercial, o cliente poderá escoller entre unha ampla variedade de produtos, visualizando imaxes do artigo, a súa descrición, opcións cromáticas e prezos. Outros servizos, tales como a instalación a domicilio de diversos produtos adquiridos no centro —aires acondicionados, baños e grellas asadoiras— ou a copia de chaves e mandos, entre outros, completan a oferta de AKÍ Mos.

Para celebrar a inauguración, o centro de Mos presenta o seu folleto de apertura, con produtos a prezos moi especiais ata o próximo 23 de decembro. Ademais, cada cliente que obteña a tarxeta SinFin de AKÍ gozará de vantaxes tales como descontos exclusivos (10% ao darse de alta e 10% por cada 500 puntos acumulados, aplicables ás compras que elixa), ofertas mensuais para socios ou garantía de devolución de artigos sen necesidade de presentar o tícket de compra. Todos os beneficios da tarxeta, os catálogos coas ofertas e o resto dos servizos poden consultarse na web da compañía (www.aki.es).

lunes, 28 de mayo de 2012

Un ollador do Celta captará posibles futuros xogadores do clube vigués no campus de Mos



O Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo realizarase no Campo de Fútbol das Baloutas do 25 ó 30 de xuño

Esta mañá presentábase no campo da Unión Deportiva Mos o Campus de Fútbol de Verán da Fundación Celta de Vigo que se realizará do 25 ó 30 de xuño neste mesmo Campo de Fútbol das Baloutas. Na presentación participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes mosense, Isidoro Táboas, o director da Fundación Celta de Vigo, José María Goicoa, o coordinador dos Campus de Fútbol de Verán, Wagner Molina, e os presidentes dos catro equipos de fútbol do Concello de Mos: Louredo Club de Fútbol, Unión Deportiva Mos, Club de Fútbol Louro-Tameiga e Alerta Club de Fútbol.

O horario deste campus será matinal, de 10.00 horas a 14.00 horas todos os días, agás o primeiro día no que a entrada farase sobre media hora antes aproximadamente para reslizar o reparto do equipamento para os adestramentos entre os rapaces e rapazas participantes. Dito equipamento constará dunha camiseta reversible, un pantalón curto e unhas medias para cada xogador. O prezo deste campus ascende a 120 euros por neno, gracias ó convenio existente entre a Fundación e o Concello de Mos, que supón unha rebaixa de 40 euros respecto da cuota para o público xeral.

A novidade que implica este campus, tal e como hoxe explicaba José María Goicoa, é que durante o mesmo estará presente un ollador identificado do Real Club Celta, que tomará datos dos xogadores que máis lle gusten  para darlles a posibilidade de realizar un adestramento de proba coas categorías inferiores do Celta e chegar incluso nun futuro a xogar no equipo.

O campus de Mos contará cun coordinador e cun monitor por cada 15 nenos que organizarán a actividade matinal en base á tecnica de adestramentos e competicións, sempre co uso do balón, que seguen os adestramentos regulados do propio Real Club Celta. Para organizar o desenvolvemento do campus crearanse varios gupos de participantes en función das súas idades. Ademais, tamén se lles dará ós cativos participantes unha charla sobre alimentación e deporte e o día 30, última xornada do campus, farase a entrega de diplomas entre todos eles.

A alcaldesa de Mos Nidia Arévalo subliñou hoxe que "este campus é unha oportunidade fantástica para que os nenos e nenas de Mos ocupen o seu tempo libre das vacacións de verán do mellor xeito posible. Esa é unha das nosas preocupacións, que existan actividades nas que os nenos e nenas se sigan formando, ademais dun xeito activo e moi saudable, que é algo necesario na infancia”, dixo.

Segundo explicou o edil de deportes, Isidoro Táboas, “este campus pretende fomentar a actividade deportiva entre os máis pequenos, tendo como eixo fundamental o fútbol aínda que complementándose tamén con outras actividades de carácter didáctico e lúdico”. Táboas quixo animar, neste sentido, a tódolos nenos e nenas de Mos a participar nesta iniciativa coa esperanza de “que, entre eles, xurda algunha futura estrela do fútbol que poida xogar no Celta ou noutro gran equipo”, declarou o concelleiro.

Estes campus farán vivir ós nenos e nenas participantes coma se fosen auténticos xogadores profesionais e lles permitirán ampliar e perfeccionar os seus coñecementos sobre o fútbol, tanto tácticos coma técnicos en xogadores e porteiros. Os porteiros recibirán unha formación específica para a súa posición. Ademais, preténdese coa celebración deste campus desenrolar nos participantes actitudes participativas e socializadoras, e hábitos alimenticios saudables. 

Os interesados en participar deberán cubrir unha folla de inscrición que poden obter na concellería de Deportes do Concello de Mos ou en calquera dos catro clubes de fútbol mosenses: Louredo Club de Fútbol, Unión Deportiva Mos, Club de Fútbol Louro-Tameiga e Alerta Club de Fútbol.

viernes, 25 de mayo de 2012

Os alumnos do Instituto de Mos participaron onte nun simulacro de evacuación



Durante a mañá de onte celebrouse no IES de Mos un simulacro de evacuación organizado pola concellería de Educación e Participación Cidadá, que dirixe a edil Kely Monzón, coa colaboración da Policía Local de Mos, o Servizo de Bombeiros e Protección Civil de Mos e o 112.

A actividade consistiu na creación de fume no Instituto por parte do grupo de emerxencias do Concello de Mos, para, dez minutos máis tarde activar a alarma para que a directora do centro e o persoal docente puxesen en marcha o sistema de evacuación e desaloxo do edificio ó mesmo tempo que daban o aviso correspondente á central do 112 onde se informara previamente do simulacro.
          
Durante todo o proceso de evacuación e desaloxo houbo persoal do Concello encargado de actuar como observador, para valorar a situación e analizar os acertos e erros detectados. Unha vez que todo o persoal e os/as alumnos/as estiveron evacuados, formaron unha fila no patio onde se pasou lista e se comprobou que se efectuara a totalidade da evacuación do edificio. Todo este proceso foi cronometrado para ver o tempo de resposta e intentar melloralo no posible.
           
A metodoloxía deste programa é fundamentalmente práctica, xa que a finalidade da actividade consiste en que todos/as aprendan os pasos a desempeñar para facer a evacuación dunha forma correcta, e no menor tempo posible. A actividade realizouse nuns 45 minutos, entre a montaxe e a evacuación, aínda que a pretensión xeral é que a fase de evacuación teña a menor duración posible.

Sobre esta iniciativa a concelleira Kely Monzón declarou hoxe que “dende a Concellería de Educación do Concello de Mos pensamos que é fundamental colaborar na prevención de riscos e promoción da seguridade persoal dentro dos centros educativos. Para acadar este obxectivo é necesario establecer plans para prever a mellor actuación ante diversas situacións de emerxencia que se poden orixinar, como poden ser os incendios. Ademais de contar cun plan de evacuación, é preciso facer unha práctica ou simulacro do mesmo, no que cada persoa que forma parte da comunidade educativa de cada centro aprenda cómo actuar ante este tipo de emerxencias. Por todo o exposto, dende a Concellería de Educación e Participación Cidadá propoñemos a todos os centros educativos do noso Concello a posta en marcha dun simulacro de evacuación, no que colaboren os equipos de emerxencia municipais”.

Os obectivos dos simulacros de evacuación en centros educativos son dar a coñecer o plan de evacuación de cada centro promovendo os comportamentos axeitados ante unha ameaza de incendio, promover as medidas de seguridade dentro dos centros educativos, facilitar a información e formación necesaria, en materia de seguridade, ao persoal de cada centro e previr riscos e favorecer a xestión adecuada das situacións de emerxencia.


Cans


Ademais do simulacro de onte, os alumnos do IES de Mos, concretamente os de primeiro curso de Bacharelato, participarán hoxe xunto cos rapaces de segundo de Bacharelato do Colexio Lar, -entre os dous centros suman un total de 100 mozos e mozas participantes-, noutra actividade organizada pola concellería de Educación mosense consistente nunha visita ó Festival de Cine de Cans, no Porriño. Os alumnos e alumnas asistentes poderán participar das diferentes actividades que ofrece este evento, ademais de coñecer as súas instalacións e ao persoal encargado da organización do mesmo. Esta actividade desenvólvese dende as 10.00 horas ata as 13.00 horas da mañá de hoxe.

Kely Monzón eplica neste sentido que “dende a concellería de Educación perseguimos a difusión da cultura e da arte, e o Festival de Cans é unha cita artística e cultural alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas. Neste evento estréanse documentais e longametraxes, teñen lugar coloquios con cineastas e presentacións audiovisuais, e tamén concertos, pasarrúas, concurso de videoclips, desfiles de chimpíns, sendeirismo e todo tipo de actividades lúdicas e culturais. Tendo en conta a súa traxectoria, cremos que constitúe unha boa oportunidade para que os nosos escolares coñezan iniciativas de ámbito local que repercuten non só no campo audiovisual, senón na promoción do uso da lingua galega e na dinamización das parroquias e da vida da xente que as acolle”, dixo a edil.

Os obxectivos da actividade de hoxe son colaborar no desenvolvemento da competencia cultural e artística dos escolares do Concello, dar a coñecer os recursos e as manifestacións culturais e artísticas do contorno de Mos,  fomentar o espírito crítico entre os escolares, desenvolver nos alumnos/as as habilidades necesarias para apreciar e gozar coa arte e con outras manifestacións culturais e proporcionar un espazo de relación e comunicación diferente ao habitual.










A mosense Asociación Cultural Santa Marta recibe unha axuda de 6.000 euros para acondicionamento do seu local





A deputada provincial Marta Iglesias, acompañada de membros do equipo de goberno local, entregoulle onte pola tarde a notificación da concesión da subvención á directiva da agrupación 

O Concello de Mos informou de que a Deputación de Pontevedra concedeu unha axuda de 6.000 euros do Plan de Acción Comunitaria, PAC, á Asociación Cultural Santa Marta para o acondicionamento e ampliación do seu local; unha mellora que dende a agrupación cultural veñen demandando dende fai tempo.

A deputada provincial, Marta Iglesias, fixo entrega onte pola tarde do sobre que contiña a notificación da concesión de dita subvención a varios membros da directiva da entidade beneficiaria, acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e o edil Camilo Augusto.

Neste sentido, a deputada Marta Iglesias destacou o importante labor do Concello en xeral e da súa alcaldesa en particular para intentar que as asociacións logren as mellores subvencións posibles facendo un intenso traballo de intermediación entre as agrupacións e a administración provincial, así como encargándose do seguemento ós procesos de concesión de ditas subvencións.

A obra a realizar no local da Asociación Cultural Santa Marta consistirá, entre outras melloras, na ampliación do edificio cara a parte de atrás. Ditos traballos darán comenzo, segundo informou o presidente da Asociación, Juan Carrera, tras a celebración da festa da súa patrona, Santa Marta, que ten lugar o día 29 de xullo. Cómpre lembrar que a capela de Santa Marta, ubicada xunto ó local da Asociación, xa foi remozada gracias a outra subvención concedida pola Deputación Provincial durante o primeiro ano de Nidia Arévalo como alcaldesa.