viernes, 25 de mayo de 2012

Os alumnos do Instituto de Mos participaron onte nun simulacro de evacuación



Durante a mañá de onte celebrouse no IES de Mos un simulacro de evacuación organizado pola concellería de Educación e Participación Cidadá, que dirixe a edil Kely Monzón, coa colaboración da Policía Local de Mos, o Servizo de Bombeiros e Protección Civil de Mos e o 112.

A actividade consistiu na creación de fume no Instituto por parte do grupo de emerxencias do Concello de Mos, para, dez minutos máis tarde activar a alarma para que a directora do centro e o persoal docente puxesen en marcha o sistema de evacuación e desaloxo do edificio ó mesmo tempo que daban o aviso correspondente á central do 112 onde se informara previamente do simulacro.
          
Durante todo o proceso de evacuación e desaloxo houbo persoal do Concello encargado de actuar como observador, para valorar a situación e analizar os acertos e erros detectados. Unha vez que todo o persoal e os/as alumnos/as estiveron evacuados, formaron unha fila no patio onde se pasou lista e se comprobou que se efectuara a totalidade da evacuación do edificio. Todo este proceso foi cronometrado para ver o tempo de resposta e intentar melloralo no posible.
           
A metodoloxía deste programa é fundamentalmente práctica, xa que a finalidade da actividade consiste en que todos/as aprendan os pasos a desempeñar para facer a evacuación dunha forma correcta, e no menor tempo posible. A actividade realizouse nuns 45 minutos, entre a montaxe e a evacuación, aínda que a pretensión xeral é que a fase de evacuación teña a menor duración posible.

Sobre esta iniciativa a concelleira Kely Monzón declarou hoxe que “dende a Concellería de Educación do Concello de Mos pensamos que é fundamental colaborar na prevención de riscos e promoción da seguridade persoal dentro dos centros educativos. Para acadar este obxectivo é necesario establecer plans para prever a mellor actuación ante diversas situacións de emerxencia que se poden orixinar, como poden ser os incendios. Ademais de contar cun plan de evacuación, é preciso facer unha práctica ou simulacro do mesmo, no que cada persoa que forma parte da comunidade educativa de cada centro aprenda cómo actuar ante este tipo de emerxencias. Por todo o exposto, dende a Concellería de Educación e Participación Cidadá propoñemos a todos os centros educativos do noso Concello a posta en marcha dun simulacro de evacuación, no que colaboren os equipos de emerxencia municipais”.

Os obectivos dos simulacros de evacuación en centros educativos son dar a coñecer o plan de evacuación de cada centro promovendo os comportamentos axeitados ante unha ameaza de incendio, promover as medidas de seguridade dentro dos centros educativos, facilitar a información e formación necesaria, en materia de seguridade, ao persoal de cada centro e previr riscos e favorecer a xestión adecuada das situacións de emerxencia.


Cans


Ademais do simulacro de onte, os alumnos do IES de Mos, concretamente os de primeiro curso de Bacharelato, participarán hoxe xunto cos rapaces de segundo de Bacharelato do Colexio Lar, -entre os dous centros suman un total de 100 mozos e mozas participantes-, noutra actividade organizada pola concellería de Educación mosense consistente nunha visita ó Festival de Cine de Cans, no Porriño. Os alumnos e alumnas asistentes poderán participar das diferentes actividades que ofrece este evento, ademais de coñecer as súas instalacións e ao persoal encargado da organización do mesmo. Esta actividade desenvólvese dende as 10.00 horas ata as 13.00 horas da mañá de hoxe.

Kely Monzón eplica neste sentido que “dende a concellería de Educación perseguimos a difusión da cultura e da arte, e o Festival de Cans é unha cita artística e cultural alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas. Neste evento estréanse documentais e longametraxes, teñen lugar coloquios con cineastas e presentacións audiovisuais, e tamén concertos, pasarrúas, concurso de videoclips, desfiles de chimpíns, sendeirismo e todo tipo de actividades lúdicas e culturais. Tendo en conta a súa traxectoria, cremos que constitúe unha boa oportunidade para que os nosos escolares coñezan iniciativas de ámbito local que repercuten non só no campo audiovisual, senón na promoción do uso da lingua galega e na dinamización das parroquias e da vida da xente que as acolle”, dixo a edil.

Os obxectivos da actividade de hoxe son colaborar no desenvolvemento da competencia cultural e artística dos escolares do Concello, dar a coñecer os recursos e as manifestacións culturais e artísticas do contorno de Mos,  fomentar o espírito crítico entre os escolares, desenvolver nos alumnos/as as habilidades necesarias para apreciar e gozar coa arte e con outras manifestacións culturais e proporcionar un espazo de relación e comunicación diferente ao habitual.










No hay comentarios:

Publicar un comentario