lunes, 28 de mayo de 2012

Un ollador do Celta captará posibles futuros xogadores do clube vigués no campus de Mos



O Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo realizarase no Campo de Fútbol das Baloutas do 25 ó 30 de xuño

Esta mañá presentábase no campo da Unión Deportiva Mos o Campus de Fútbol de Verán da Fundación Celta de Vigo que se realizará do 25 ó 30 de xuño neste mesmo Campo de Fútbol das Baloutas. Na presentación participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes mosense, Isidoro Táboas, o director da Fundación Celta de Vigo, José María Goicoa, o coordinador dos Campus de Fútbol de Verán, Wagner Molina, e os presidentes dos catro equipos de fútbol do Concello de Mos: Louredo Club de Fútbol, Unión Deportiva Mos, Club de Fútbol Louro-Tameiga e Alerta Club de Fútbol.

O horario deste campus será matinal, de 10.00 horas a 14.00 horas todos os días, agás o primeiro día no que a entrada farase sobre media hora antes aproximadamente para reslizar o reparto do equipamento para os adestramentos entre os rapaces e rapazas participantes. Dito equipamento constará dunha camiseta reversible, un pantalón curto e unhas medias para cada xogador. O prezo deste campus ascende a 120 euros por neno, gracias ó convenio existente entre a Fundación e o Concello de Mos, que supón unha rebaixa de 40 euros respecto da cuota para o público xeral.

A novidade que implica este campus, tal e como hoxe explicaba José María Goicoa, é que durante o mesmo estará presente un ollador identificado do Real Club Celta, que tomará datos dos xogadores que máis lle gusten  para darlles a posibilidade de realizar un adestramento de proba coas categorías inferiores do Celta e chegar incluso nun futuro a xogar no equipo.

O campus de Mos contará cun coordinador e cun monitor por cada 15 nenos que organizarán a actividade matinal en base á tecnica de adestramentos e competicións, sempre co uso do balón, que seguen os adestramentos regulados do propio Real Club Celta. Para organizar o desenvolvemento do campus crearanse varios gupos de participantes en función das súas idades. Ademais, tamén se lles dará ós cativos participantes unha charla sobre alimentación e deporte e o día 30, última xornada do campus, farase a entrega de diplomas entre todos eles.

A alcaldesa de Mos Nidia Arévalo subliñou hoxe que "este campus é unha oportunidade fantástica para que os nenos e nenas de Mos ocupen o seu tempo libre das vacacións de verán do mellor xeito posible. Esa é unha das nosas preocupacións, que existan actividades nas que os nenos e nenas se sigan formando, ademais dun xeito activo e moi saudable, que é algo necesario na infancia”, dixo.

Segundo explicou o edil de deportes, Isidoro Táboas, “este campus pretende fomentar a actividade deportiva entre os máis pequenos, tendo como eixo fundamental o fútbol aínda que complementándose tamén con outras actividades de carácter didáctico e lúdico”. Táboas quixo animar, neste sentido, a tódolos nenos e nenas de Mos a participar nesta iniciativa coa esperanza de “que, entre eles, xurda algunha futura estrela do fútbol que poida xogar no Celta ou noutro gran equipo”, declarou o concelleiro.

Estes campus farán vivir ós nenos e nenas participantes coma se fosen auténticos xogadores profesionais e lles permitirán ampliar e perfeccionar os seus coñecementos sobre o fútbol, tanto tácticos coma técnicos en xogadores e porteiros. Os porteiros recibirán unha formación específica para a súa posición. Ademais, preténdese coa celebración deste campus desenrolar nos participantes actitudes participativas e socializadoras, e hábitos alimenticios saudables. 

Os interesados en participar deberán cubrir unha folla de inscrición que poden obter na concellería de Deportes do Concello de Mos ou en calquera dos catro clubes de fútbol mosenses: Louredo Club de Fútbol, Unión Deportiva Mos, Club de Fútbol Louro-Tameiga e Alerta Club de Fútbol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario